Foz leva para adiante un proxecto de dinamización turística con guías das rutas de sendeirismo

O concelleiro Chema Linares engade que “o primeiro paso deste proxecto foi a dixitalización, deseño e cartografía das rutas de sendeirismo que temos en Foz: ruta da Frouxeira e Cornería, ruta das praias, sendeiro azul, a do río Ouro, Paseo de Malates, o camiño natural do Cantábrico e o de San Rosendo”.


O Concello de Foz está levando a cabo un proxecto de dinamización turística e integración territorial que inclúe mapas guía das rutas de sendeirismo. O concelleiro de Turismo, Chema Linares, explica que se trata dun “proxecto de dinamización turística e integración territorial en aras de crear novas sinerxias espaciais que integren o litoral coas zonas de interior. Este proxecto queda enmarcado dentro da aposta incondicional polas novas tecnoloxías axuntado co desexo de xerar un coñecemento transversal e local de posta en valor dos activos rexionais.  É unha visión cuxo obxectivo é fomentar a vertebración e cohesión do territorio favorecendo vectores de desenvolvemento locais. Dito vector de traballo derivou na creación dun meta-repositorio de recursos e activos turísticos ao obxecto de recompilar, almacenar, xestionar e elaborar material para a súa difusión local e nacional. Entre os produtos xerados cabe destacar mapas-guía de rutas locais; perfís nas plataformas principais do sector (Google Maps, Wikiloc e Avenza Maps); recursos multimedia en 360 graos e formatos de alta resolución (8k raw/50Mpx); transferencia e dixitalización da información dispoñible nos paneis informativos; localización e inventariado de elementos patrimoniais”.

Chema Linares engade que “o primeiro paso deste proxecto foi a dixitalización, deseño e cartografía das rutas de sendeirismo que temos en Foz: ruta da Frouxeira e Cornería, ruta das praias, sendeiro azul, a do río Ouro, Paseo de Malates, o camiño natural do Cantábrico e o de San Rosendo”.

A empresa mapsforexplorers foi a encargada de realizar o traballo de cartografía, deseño e dixitalización de toda a información relativa ás rutas de sendeirismo. Estas foron deseñadas “co obxecto de poñer en alza a gran diversidade de recursos históricos, sociais, culturais e paisaxísticos do concello, imbricando fitos xeográficos, históricos e etnográficos. No relativo ao deseño das mesmas tívose en especial consideración a creación de rutas específicas para cada perfil de usuario favorecendo a diversidade en variables tales como esforzo, accesibilidade ou dificultade técnica”, especifica o edil de Turismo, quen tamén indica que “en primeiro lugar redefiníronse algunhas das rutas, por exemplo a das praias, de tal forma que onde antes cruzábamos a estrada nacional agora pásase a través dun túnel por debaixo da mesma ao rematar o paseo de Arealonga”.

Chema Linares engade que “en segundo lugar realizouse un mapa con todas as rutas existentes identificadas por cores e reflectindo os tramos compartidos, os recursos turísticos, puntos de interese, lugares destacados e distancia ao punto de destino. Aquelas rutas coincidentes en tramo identifícanse por letras da cor da ruta. É un deseño moi intuitivo que permite identificar e interpretar a ruta con facilidade, discriminando aquelas que non nos interesen mediante ocultación. Este traballo de dixitalización vainos permitir manexar e xestionar toda esa información actualizando ou mellorando a mesma se as circunstancias das rutas cambian. Pode modificarse unha ruta ou que aparezan novos recursos turísticos ou lugares de interese que sexa necesario reflectir, un exemplo é o novo miradoiro de Tamaniña, entre Rapadoira e Llas. que se incorporou a esta dixitalización”.

A descrición das rutas está en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Pódese incorporar material fotográfico de cada unha delas. Toda esta información trasládase ás diferentes plataformas do sector, como Wikiloc, Google Maps e Avenza Maps, onde se pode seguir a ruta elixida e ver os recursos existentes.

Para rematar o concelleiro de Turismo destaca “a importancia deste traballo, que nos vai permitir ter esta información dispoñible na páxina web, elaborar folletos das distintas rutas en papel impreso ou o traslado a diferentes paneis informativos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here